Capcom recupera varios xogos retro da Disney

mércores, 15 de marzo do 2017 Marcus Fernández

Capcom anunciou hoxe que o vindeiro 18 de abril porá á venda The Disney Afternoon Collection, recompilación de videoxogos baseados en series televisivas da Disney emitidas nos anos 80 e 90 que foron adaptados para que, pese a ter gráficos pixelados, poidan xogarse con solvencia en pantallas Full HD e, aínda que se trate dun produto orientado aos amantes do retro, aseguran que os xogos tamén serán satisfactorios para novos xogadores.
O lote de xogos venderase a 19,99 euros e estará dispoñible para PlayStation 4, Xbox One e PC, incluíndo os xogos seguintes: as dúas entregas de Chip’n Dale Rescue Rangers (Rescatadores en España), Darkwing Duck (Pato Darwing), TaleSpin e as dúas entregas de DuckTales (Patoaventuras). Os seis xogos poderán presentarse en pantalla con aparencia retro e, para facerse máis accesibles (pois teñen a habitual elevada dificultade da época) inclúese a funcionalidade Rewind, que permite rebobinar o tempo para evitar a morte no xogo. Tamén ofrecen os novos modos de xogo Boss Rush e Time Attack, que deberían animar aos xogadores a gozar destes títulos dun xeito máis completo.

Vídeo promocional do lote de xogos que sairá á venda o mes que vén

PUBLICIDADE