Canon presenta a súa nova cámara sen espello

martes, 13 de outubro do 2015 Marcus Fernández

As cámaras micro catro terzos chegaron para quedar, xa combinan con grande acerto a calidade das cámaras réflex con parte da versatilidade e comodidade das cámaras compactas (aínda que sexa só por reducir o peso e o tamaño das cámaras), e un dos fabricantes de cámaras sen espello de referencia, Canon, está a renovar a súa liña, para o que presenta a nova Canon EOS M10, que supón unha interesante evolución da súa gama, converténdose na mellor cámara de Canon nesta liña e nunha máquina ideal para introducirse na fotografía dixital podendo gozar de obxectivos intercambiables e boa conectividade.
A Canon EOS M10 conta cun sensor CMOS APS-C de 18 Mpíxeles, apoiado por un procesador de imaxe DIGIC 6, conseguindo así unha calidade de imaxe comparable á de moitas cámaras réflex de consumo; é capaz de gravar vídeo a 1.080p até a 30 imaxes por segundo ou a 720p a 60 imaxes por segundo; pode disparar 4,6 fotografías por segundo; integra un sistema de enfoque automático de 49 puntos; e incluso conta con NFC e Wi-Fi para facilitar o control da cámara e compartir os seus contidos a través dunha aplicación móbil.
Sairá á venda en novembro cun obxectivo de 15-45 milímetros por 599 dólares.

A Canon EOS M10 pode equiparse con obxectivos intercambiables pese a ter un tamaño máis propio dunha cámara compacta

PUBLICIDADE