Canon non lanzará novas cámaras DSLR profesionais

mércores, 29 de decembro do 2021 Marcus Fernández

O director xeral de Canon, Fujio Mitarai, nunha entrevista para o xornal Yomiuri Shimbun, indicou que a cámara Canon EOS-1D X Mark III será a derradeira da súa categoría, ou sexa, que o fabricante xaponés deixará de lanzar modelos profesionais de cámaras réflex (DSLR) confirmando que a demanda do mercado mudou e que actualmente o público quere cámaras sen espello.
A serie EOS-1 leva no mercado dende 1989, e aínda continuarán a vender as cámaras desta familia durante varios anos, Canon centrará os seus esforzos no deseño de novas cámaras en formatos máis modernos, dando por rematada a batalla entre DSLR e mirrorless.
Cómpre salientar que estamos a falar unicamente da gama profesional, ou sexa, que para cámaras de consumo máis económicas o formato réflex aínda non está morto, e poderían continuar presentes aínda un bo tempo xa que resultan económicas, especialmente para os usuarios que están a iniciarse na fotografía con cámaras con obxectivos intercambiables.
Dado que o mercado das réflex está dominado por Nikon e Canon, que esta última estea a preparar a despedida dese formato é un sinal dos tempos que vivimos, nos que a fotografía dixital evoluciona a un grande ritmo, e non só estamos a ver como as cámaras profesionais perden o espello, senón que tamén están a dicir adeus aos obturadores físicos, de xeito que cada vez son máis semellantes ás cámaras dos móbiles, sendo a principal diferenza o tamaño dos sensores e dos obxectivos (xa que incluso comparten en moitas ocasións o software de procesado de imaxe).

PUBLICIDADE