Cangas une poesía e videoxogo nunha xornada organizada polo CCG e o MUVI

venres, 2 de xuño do 2023 S. P.

A poesía e os videoxogos achegaranse na xornada de mañá, sábado 3 de maio, nun encontro titulado Hai un poema no teu videoxogo, unha proposta do Consello da Cultura Galega e o Museo do Videoxogo que se levará a cabo na mesma sede do Museo do Videoxogo (MUVI) de Galicia, en Cangas (rúa de Aragón, 2-baixo).
A cita que dará comezo ás 16:30 horas estará coordinada por Carmen García Mateo e Carlos Pereiro, quen asegura que “buscamos unir dous mundos que parecen afastados pero que non o están tanto”. Serán os poetas Pablo Rodríguez e Branca Trigo os protagonistas desta innovadora actividade na que haberá xogos en streaming, poesía, audiovisual e experimentación.
Carlos Pereiro, co-coordinador da xornada, explica que “pensabamos que era interesante que a lírica galega estivese tamén presente no mundo dos videoxogos e pensamos nunha proposta que achegase estes dous universos”. O resultado é un experimento en que haberá recitados, pero tamén proxeccións audiovisuais, xogos en directo e até un streaming que permita poñer en diálogo ambas as disciplinas. “É algo inédito co que buscamos novas maneiras de fusión de mundos que pensamos que se poden atopar, porque estamos afeitos a ver debuxos, ilustracións de xente que as fai a partir de videoxogos, pero non poemas que falen das consolas e dos videoxogos, que son tan populares como os microondas”, asegurou Pereiro.
Na actividade participan o poeta e co-fundador de Leite Edicións, Pablo Rodríguez (autor de Os ollos das moscas; Ed. Urutau, 2021), e mais a poeta Branca Trigo (autora de Ω; Malafera, 2023 e Con do lore; Urutau, 2022).
Como peche da xornada, farase entrega dos premios do reto FalAI, ás 19:30 horas, promocionado por Balidea e a Universidade de Vigo, na procura de voces en lingua galega coas que desenvolver proxectos de Intelixencia Artificial.
Máis información na web do CCG.

PUBLICIDADE