Canal+ Alta Definición estrearase en xaneiro
venres, 23 de novembro do 2007
Trala estrea do receptor de televisión dixital
iPlus, quedaba latente a infrautilización do dispositivo que non só permite
gravar programas de televisión no seu disco duro de 160 Gb senón que tamén é
compatible coas emisión en alta definición (tan agardadas polos posuidores dos últimos
televisores de plasma e LCD), polo que Sogecable
anunciou que en xaneiro estreará Canal+
Alta Definición, que pretende converterse na primeira televisión
estatal en alta definición e así aumentar a súa penetración nos fogares
españois.
Dende a plataforma de televisión por satélite levan tempo facendo probas coas
novas emisións de alta definición, e agora poderán achegalas oficialmente ós
seus clientes, que verán un atractivo no seguimento de series, películas e
deportes na canle premium de Digital+,
xa que se recibirán cunha calidade que ata o momento se reservaba para as películas
en formatos Blu-ray e HD DVD ou ós videoxogos de última xeración para Xbox 360
e PS3.
Actualmente xa hai 70 canles de alta definición en toda Europa, e nos EE.UU. xa
está bastante implantada esta tecnoloxía, existindo emisións deste tipo para o
seguimento tanto de acontecementos deportivos como de contidos de ficción, de
xeito que as pantallas panorámicas non resultan un elemento tan absurdo como o
que supoñen en España (onde os contidos televisivos en poucas ocasións se poden
ver satisfactoriamente nestes televisores).