Call of Juarez: Gunslinger porase á venda en formato dixital o 22 de maio
luns, 22 de abril do 2013
A saga de xogos Call
of Juarez soubo reinventarse en 2011 ambientándose
no presente en Call of Juarez: The Cartel,
pero tras ese sopro de aire fresco decidiron recuperar os seus raizames, e
dende hai uns meses confirmaron que estaban a desenvolver Call of Juarez: Gunslinger, xogo para Xbox 360, PlayStation 3 e PC
ambientado no Antigo Oeste, no que encarnaremos a un pistoleiro que deberá
perseguir a personaxes como Billy O Neno, Pat Garrett, Jesse James... e que vén
de estrear trailer.
Este xogo editado por Ubisoft está a ser desenvolvido por Techland, e xa ten
fixada a súa data de lanzamento para o 22 de maio, pero non será nas tendas de
videoxogos tradicionais nas que o atoparemos, senón que poderemos descargalo do
Bazar de Xbox LIVE por 1.200 Microsoft Point ou da PlayStation Network por
14,99 euros. Os usuarios de PC tamén poden xa reservar
o xogo por 14,99 euros a través de Uplay, e neste caso recibirán como
recompensa pola compra anticipada un lote exclusivo de armas lendarias e o xogo
Call
of Juarez: Bound In Blood.
Novo trailer de Call of Juarez: Gunslinger
- No xogo haberá que enfrontarse a numerosas lendas do Antigo Oeste