Call of Duty prepara a súa chegada a móbiles

luns, 18 de marzo do 2019 Marcus Fernández

Activision vén de anunciar Call of Duty: Mobile, un novo xogo free-to-play para iOS e Android, que xa permite rexistrarse en Google Play para recibir unha notificación cando estea dispoñible, e que aproveitará as armas, os mapas e os personaxes desta recoñecida franquía (incluíndo as entregas de Black Ops e Modern Warfare) para ofrecer unha intensa experiencia móbil.
Call of Duty: Mobile traerá a móbiles unha experiencia de acción en primeira persoa cun modo multixogador competitivo, ao que sumaranse novos modos no futuro, entre os que non faltará un battle royale. Con este xogo gañaremos e desbloquearemos diversos personaxes, armas, indumentarias, rachas de puntos e elementos de equipo emblemáticos do universo de Call of Duty que poderanse empregar para personalizar o armamento.
Este xogo está actualmente en fase alfa inicial nalgúns países, para ir así pulindo a experiencia de xogo e corrixir erros, así como engadir contidos, mentres que a beta pública está prevista para o vindeiro verán nalgúns territorios.

Vídeo promocional de Call of Duty: Mobile

PUBLICIDADE