Call of Duty: Black Ops 4 chega ás tendas estreando modo Battle Royale

luns, 15 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Aínda que a data en España non foi moi oportuna por coincidir nun día festivo, o pasado venres saíu oficialmente o Call of Duty: Black Ops 4, o shooter chamado a dominar a campaña de Nadal, que pode mercarse en versións para PC, Xbox One e PlayStation 4.
Este novo xogo de Activision recupera a saga de Black Ops da man de Treyarch, centrada nas operacións encubertas e contando cunha ampla variedade de contidos nos modos Multixogador, Zombies e Blackout. O multixogador amosa un grande combate terrestre na experiencia Black Ops por equipos máis táctica até o momento; a experiencia Zombies chega completamente renovada, con 3 opcións (IX, Voyager of Despair e Blood of the Dead); e Blackout supón a estrea do xénero de moda, o Battle Royale, na franquía de Call of Duty, contando tamén co mapa máis grande da súa historia.
O xogo tamén quere sumarse á febre dos eSports, e adiantan que a Call of Duty World League terá un total de 6 millóns de dólares en premios e botará a andar un evento LAN en Las Vegas entre o 7 e o 9 de decembro.
Call of Duty: Black Ops 4 recibirá actualizacións frecuentes de contido, chegando moitos destes engadidos en primicia para PlayStation 4.

Trailer de presentación do xogo

PUBLICIDADE