Caixanova manterá a sede e o equipo directivo de R
xoves, 11 de setembro do 2008
- Julio Fernández Gayoso nunha fotografía publicada polo Faro de Vigo
A nova de que Caixanova se facía coa
meirande parte das participacións da operadora R é unha garantía
para manter a galeguidade da
compañía, e para concretar o que será o futuro da empresa de cable o presidente
de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, declarou que van
«seguir mantendo a Honorato López Isla
coma presidente do Consello», así como a Arturo Dopico e ao seu
equipo pois «cando algo funciona ben é
pecado cambialo». Tamén recalcou que dende Caixanova non pensan trasladar a
sede de A Coruña a Vigo porque se trata dunha operación a nivel galego.
Gayoso asegurou que houbo un «entendemento
rápido» con Unión Fenosa á hora de fixar o prezo das accións que fan que
agora Caixanova conte cunha participación do 66,24% de R, compañía que prevé
pechar o exercicio de 2008 cunha cobertura do 60% do territorio galego, uns
228.000 clientes (dos que máis de 41.000 son empresas) e 30.000 clientes de
telefonía móbil.