Caixa Galicia convoca a segunda edición do seu Concurso de Mensaxes de Nadal por SMS

venres, 14 de decembro do 2007 Fernando Sarasketa

Un Nadal máis, Caixa Galicia quere tirar partido das novas tecnoloxías para saírlle ó paso á mellor ou á máis engraçada das felicitacións posibles. E faino cun concurso e atendendo ó sitio (os móbiles) e ós formatos polos que discorre xa a meirande cantidade de mensaxes vinculadas a estas festividades: os SMS. Nesta segunda convocatoria do certame hai novidades. Por exemplo: a felicitación terá que ser enviada en verso, precedida do termo “Fecilita” ó teléfono 7458.
O único que se pide para participar é ser usuario de Activa Móbil, que é o servizo de banca electrónica da entidade financeira galega a través dos terminais móbiles. Imos agora co que de verdade interesa: os premios.
Segundo sinala Caixa Galicia, o gañador e dous finalistas recibirán un teléfono móbil de última xeración, con GPS e cámara fotográfica de 5 megapíxeles. Asemade, procederase ó sorteo dun teléfono semellante e 10 kits mans ceibes con tecnoloxía Bluetooth para o automóbil entre todas as persoas que participen.
Engadir que o concurso ten tras de si un bo índice de participación na súa primeira convocatoria: o ano pasado recibíronse máis de 1.000 mensaxes. Caixa Galicia agarda superar con moito esta cifra nesta nova edición, xa que o número de clientes de banca móbil incrementouse sensiblemente, estando na actualidade en 6.500.

PUBLICIDADE