Cabreiroá patrocina as principais ligas de eSports e videoxogos do ámbito hispano

mércores, 20 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

A firma galega Hijos de Rivera, responsábel de produtos senlleiros como a cervexa Estrella Galicia e as augas Cabreiroá, vén de dar un paso adiante en materia de transformación dixital. E faino a través dunha práctica deportivo-tecnolóxica en proxección, os eSports, e participando nas maiores competicións do ámbito hispano. Este proceso, en termos máis concretos, colle corpo co patrocinio de Cabreiroá, que se converte na auga oficial das dúas maiores competicións do devandito ámbito hispano: a Liga de Videoxogos Profesional (Grupo MediaPro) e a Electronic Sports League.
O obxectivo é abranguer “novos públicos mediante novas ferramentas de comunicación”. Tamén se busca botar un man á nova comunidade de gamers (que xa acada millóns de persoas en todo o mundo) e apoiar o seu medre.
Segundo fai saber a corporación galega, “apostamos pola xeración dunha canle propia de contido eSport que cobre necesidades existentes na comunidade e achegámonos a youtubers de referencia como TheAlvaro845 e Wizack”. A compañía tamén salienta moi positivamente o feito de a súa auga mineral teña presenza activa nos ditos acontecementos tecnolóxico-deportivos: “Tanto aos xogadores e os equipos que integran a competición profesional como os distintos traballadores da organización, entre eles os comentaristas, os árbitros ou o persoal que está detrás das cámaras, hidrataranse con auga Cabreiroá”.
Ademais, Hijos de Rivera activará a presenza da marca en grandes eventos do sector por exemplo Gamergy, que se celebra a vindeira semana e que pasa por ser o evento de eSports e videoxogos máis importante de España. A marca galega de auga agasallará neste marco seis paquetes de experiencias VIP, cada un para catro persoas, que inclúen a entrada a Gamergy, visitas guiadas ao backstage das competicións que organiza LVP, encontros privados con xogadores e comentaristas, regalos e material de promoción de LVP e acceso á zona VIP. Os sorteos realizaranse nas redes sociais de Liga de Videoxogos Profesional durante os próximos quince días.

PUBLICIDADE