CPEIG, Abanca, AMTEGA e Gartner mostran en Santiago os grandes desafíos TIC presentes e futuros

mércores, 27 de febreiro do 2019 Redacción

O Centro ABANCA Obra Social na praza de Cervantes, en SantiagoEste xoves 28 de febreiro vai ter lugar en Santiago unha máis que relevante cita co futuro tecnolóxico inmediato: un futuro empresarial, social, comunicativo, social e de xestión pública ateigado de posibilidades e vantaxes. Estamos a falar da Xornada de Innovación e Tendencias Tecnolóxicas, organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Abanca, AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia) e a consultora Gartner.
Na cita participarán uns 120 representantes das principais organizacións tecnolóxicas e empresariais de Galicia. Celebrarase no Centro Obra Social Abanca no 19 da praza de Cervantes, en horario de 9.30 a 13.30 horas. Segundo explican as ditas entidades, a sesión servirá “para enriquecer o ecosistema tecnolóxico e dixital de Galicia”.
O CPEIG engade que a xornada nace co triplo obxectivo de concienciar e achegar a empresas galegas as principais tendencias tecnolóxicas e retos habituais que trae consigo a dixitalización, da man de expertos de reputación mundial de Gartner; reflexionar nun foro de CIO (directores de tecnoloxía) das principais organizacións galegas para compartir experiencias, preocupacións e visións sobre temas de interese común para Galicia (talento, axilidade, privacidade…); e contribuír e enriquecer o ecosistema tecnolóxico e dixital de Galicia para fortalecer a súa imaxe de territorio innovador e dinámico.
Trala apertura conxunta para compartir obxectivos, abrirá a xornada o executive partner de Gartner para AMTEGA e ex CDO de RTVE, Miguel Ángel Morcuende, cunha mensaxe inspiradora sobre un termo xurdido no último Symposium ITxpo de Gartner, ContinuousNext, e ademais explicará como as organizacións e a sociedade en Galicia deben ir preparándose para un cambio permanente.
Posteriormente, o research VP de Gartner (vicepresidente de investigación), Brian Burke, continuará cun relatorio onde ofrecerá a súa visión sobre as principais tendencias tecnolóxicas de 2019 e sobre como liderar a súa adopción.
Amais, o senior director analyst de Gartner, Daniel Sánchez Reina, compartirá cos participantes experiencias de éxito de organizacións que souberon adaptarse culturalmente aos cambios, ademais de desenvolver un marco de traballo para dar eses primeiros pasos.
Por último, a directora de AMTEGA, Mar Pereira, clausurará a xornada resaltando o compromiso da Axencia coa Axenda Dixital de Galicia, apuntalado cunha recente colaboración con Gartner como asesor estratéxico.


PUBLICIDADE