COETICOR amosa nas súas sedes provinciais novas solucións domóticas para iluminación de emerxencia

martes, 22 de outubro do 2013 Redacción

A vindeira semana a programación das Xornadas COETICOR, que avanzamos hai uns días en Código Cero, verase ocupada pola divulgación das novas tendencias tecnolóxicas das solucións domóticas para a iluminación de emerxencia, presentando un marco de debate para revisar a súa regulamentación e sistemas de xestión. Trátase de tres sesións técnicas, programadas para os días 29, 30 e 31 de outubro nas sedes da entidade (Ferrol, A Coruña e Santiago, respectivamente), e que contarán coa presenza dos enxeñeiros Alfredo Fernández e Roberto García, que amosarán as últimas innovacións en materia de rendibilidade e optimización de recursos enerxéticos para este tipo de iluminacións, innovacións destinadas por exemplo a reducir a agresión ambiental. Isto conséguese coa posta en práctica de aplicacións e ferramentas que melloran a xestión e mantemento destas infraestruturas.
Segundo fai saber COETICOR, a importancia da implantación destes sistemas en edificacións residencias, comerciais e industriais radica nas estritas formulacións do Código Técnico de Edificación. De implantación destes sistemas falará, precisamente, a empresa asturiana Normalux, colaboradora das xornadas, dedicada dende hai máis de catro décadas á fabricación de equipos de iluminación de emerxencia e a día de hoxe especialmente centrada en solucións informáticas e técnicas domóticas dirixidas a optimizar a rendibilidade, a eficiencia, a xestión e o control deste tipo de instalacións e infraestruturas. Por certo que Normalux presentou recentemente a súa nova web de alumeado de emerxencia intelixente, un espazo dispoñíbel para descargarmos documentación sobre este tipo de sistemas, que entre outras vantaxes achegan a capacidade de autodiagnosticarse.

PUBLICIDADE