CIS Galicia e CESGA expoñen en Ferrol as oportunidades da nova convocatoria de Fortissimo

mércores, 16 de marzo do 2016 Redacción

CIS Galicia e o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) organiza esta semana en Ferrol, o día 18, unha xornada informativa sobre a segunda edición do programa Fortissimo, un proxecto que, como lembraremos, abriu a convocatoria pública de experimentos sobre aplicacións HPC-Cloud (Computación de Altas Prestacións na Nube). Isto tradúcese en máis de 1,3 millóns de euros para a innovación nas contornas cloud e de información masiva (Big Data) nas pequenas e medianas empresas manufactureiras e do eido da enxeñaría. As beneficiarias serían polo tanto as PEME responsábeis de novos experimentos que complementen e estendan as actividades actuais do proxecto Fortissimo 2. Volvendo á xornada deste venres en Ferrol, estaría dirixida a amosar todas estas oportunidades perante empresarios, enxeñeiros e persoal técnico das nosas empresas potencialmente “colaboradoras”.
Segundo informan o CIS Galicia e o CESGA, os experimentos financiábeis contribuirían a estender e amosar o potencial de negocio dos servizos HPC-Cloud, sobre todo aplicacións que “inclúan simulacións integradas de procesos físicos ou análise avanzada de datos”. Os proxectos deberán estar enfocados a resolver necesidades de negocio das pequenas e medianas empresas ou microempresas do sector da enxeñaría ou da manufactura. A cobertura orzamentaria por iniciativa ascende a 250.000 euros.
Segundo informa o CESGA, a solicitude de financiamento resulta sinxela, “xa que a proposta non pode superar as 10 páxinas”. Ademais, engade o centro, as empresas que desexen solicitar financiamento contarán co seu soporte para preparar a solicitude (lembrar que o CESGA xa axudou a 23 empresas financiadas baixo este programa). Por certo que a convocatoria pecha o 18 de maio.
Volvendo á cita desta semana, recordar que se celebra na sede do CIS Galicia en Ferrol (rúa A Cabana sen número). A apertura da xeira de traballo correrá a cargo do director de GAIN, Manuel Varela, e logo será a quenda dos responsábeis do CESGA e de CIS Galicia amosando os seus servizos máis salientábeis para as empresas. Contra as 13.00 horas, falará Andrés Gómez Tato, responsábel de Proxectos do CESGA e, a continuación, Carmen Cotelo, técnica coordinadora de Proxecto Fortissimo (CESGA), amosando experiencias anteriores das empresas nas convocatorias do proxecto. Arredor das 13.40 horas será a quenda das entrevistas cos responsábeis das firmas interesadas.
Fortissimo 2: obxectivos
O obxectivo fundamental de Fortissimo 2, como lembraremos, é a promoción da adopción de tecnoloxías avanzadas de modelado, simulación e análise de datos polas PEME europeas no sector da manufactura, usando experimentos de aplicacións derivados de escenarios de negocio reais onde estas tecnoloxías poden ser despregadas e potencialmente integradas no mercado de Fortissimo para seren achegadas como servizo. Segundo nos lembra o CESGA, o desenvolvemento deste mercado en liña comezou durante o proxecto inicial de Fortissimo.

PUBLICIDADE