Buscan financiamento para un cinto que pode cargar o móbil

martes, 18 de novembro do 2014 Marcus Fernández

As baterías externas para poder recargar o noso smartphone durante longas xornadas de uso sen ter que permanecer atado a un enchufe de parede levan bastantes meses gozando de grande popularidade, pero a compañía norteamericana Nifty quere facer máis doado levar connosco este tipo de accesorio, polo que lanzaron unha campaña de micromecenado para permitir facer realidade o XOO Belt, un cinto que integra varios elementos de batería na súa fibela e na correa, agochando nesta última o cable para conectar co móbil.
O XOO Belt tería unha capacidade de 2.100 mAh (suficiente para a meirande dos smartphones do mercado) e contaría cun conector microUSB dende o que achegar carga (e ao que tamén poderiamos conectar un adaptador Lightning para os produtos de Apple) de xeito que podería cargarse comodamente o noso teléfono mentres o levamos no peto.
O produto espera poder remitirse aos seus mecenas a partires de xullo de 2015, e o prezo que ten actualmente é de 155 dólares (123,68 euros) incluíndo os portes a Europa.


Vídeo de presentación da campaña de micromecenado en Indiegogo

PUBLICIDADE