Bubok abre espazo físico en Madrid
martes, 8 de abril do 2014
Bubok,
plataforma de autopublicación e venda de libros por Internet da
que xa temos falado en Código Cero con motivo de amosar novos
vieiros para amosar a creatividade literaria, sáese da Rede para
pór un pé na vida real. Máis en detalle, abrirá a súa primeira
libraría física, será no centro de Madrid na zona de Alonso
Martínez (rúa Belén, 13), o vindeiro 23 de abril e coincidindo coa
celebración do Día Internacional do Libro. A idea dos responsábeis
do servizo é converter Bubok “na primeira empresa en liña de
autopublicación que abre un espazo físico, permitindo a todos os
escritores noveis que poidan vender o seu libro non só por Internet,
senón tamén nunha libraría física”. Isto, sinalan, era até o
de agora algo “inaccesíbel” para os autores novos.
Ademais de libraría, o
novo espazo de Bubok será centro cultural e acubillará
presentacións de obras e obradoiros e cursos de edición por conta
propia. Lembremos que Bubok, cuxo espazo físico estará aberto a
partir das 21.30 do día 23, é unha empresa española fundada en
2008 que arestora conta con presenza nunha chea de países: México,
Colombia, Arxentina, Suecia, Portugal, Reino Unido e Francia.
Arestora ten maís de 80.000 usuarios rexistrados e 70.000 títulos
publicados de todos os xéneros e temáticas, dos cales 26.000 son
libros electrónicos.