Bubblis, un novo xogo para móbiles dispoñible en galego

luns, 24 de setembro do 2012 Marcus Fernández

Nun momento no que hai que convocar campañas para instar a Twitter a que traduza a súa interface ao galego sorprende ver que compañías de fóra de Galicia teñan en conta á nosa fala nos seus produtos, e dende ON GAME Creative sorpréndennos con Bubblis, un videoxogo de palabras e quebracabezas dispoñible entre 44 idiomas entre os que non faltan o catalán, o éuscaro e o galego. Este curioso xogo para smartphones leva unhas semanas á venda por 1,59 euros para iPhone e iPod Touch e para móbiles con Android, e consiste na construción de palabras a partir de pompas con letras que caen da parte superior da pantalla.
Cada fase comeza propondo unha palabra que o xogador deberá completar en horizontal, e conforme o usuario vai colocando as letras, aparecen novas palabras a formar nas liñas superiores, conseguíndose máis puntos canta maior sexa a altura na que se formen las palabras nesta especie de Tetris con letras.
Cada nivel conta cun fondo distinto, cunha estética que semella a dun debuxo en papel, contando cun total de 15 deseños coas súas animacións e músicas representando distintos países ou rexións. O xogo tamén conta con 3 niveis de dificultade, podendo completarse as súas fases nun tempo que estaría entre os 5 e os 45 minutos.


Trailer en galego do xogo de ON GAME Creative

PUBLICIDADE