Bricolabs mergúllanos no uso e utilidades dos sistemas operativos libres

martes, 14 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

Este sábado 18 de maio imos ter na Coruña unha boa oportunidade de mergullarnos no miolo do software libre. Estamos a falar da primeira xeira (a cargo de Sergio Alvariño e Jorge Lama) das Sesións introdutorias a GNU/Linux, que se van desenvolver na Domus en horario de 11:00 a 13:30 e que veñen da man da comunidade argalleira Bricolabs. Nas sesións calquera poderá asistir libremente e aprender desde cero todo o necesario para instalar e utilizar un sistema operativo libre ou mellorar as habilidades sobre este tipo de ferramentas.
Abordaranse cuestións prácticas relativas ao uso do terminal, ao Git (control de versións), ás ferramentas abertas para o desenvolvemento de novos equipamentos tecnolóxicos e aos sistemas operativos lixeiros que permiten afondar na sustentabilidade tecnolóxica e darlles segundas e mesmo terceiras vidas aos equipos informáticos en desuso.
Bricolabs informa que o plan formativo (do que forman parte as sesións deste sábado) é tentar organizar unha sesión diferente cada 7 ou 15 días, ao longo dos vindeiros meses, onde o alumnado poida introducirse de maneira útil nas diferentes cuestións que se queren abordar.
Na primeira sesión, a deste sábado, a Sesión01 – Instalación e iniciación a Linux con @salvari e @raivenra, as e os asistentes aprenderán a probar e instalar unha distribución GNU/Linux nos seus computadores, realizar as configuracións básicas do sistema e poñer en marcha aplicacións.

PUBLICIDADE