Bota a andar o sistema de licitación electrónica da Xunta

domingo, 24 de abril do 2011 Redacción

A Consellería de Facenda, a través do Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (CIXTEC), vén de pór en marcha o Sistema de Facturación Electrónica (SILEX), ao sacar a concurso público os cinco primeiros expedientes que permiten a presentación de ofertas de forma electrónica. As licitacións, por importe de 5.065.740 euros, acaban de ser publicadas no Diario Oficial da Unión Europea, no BOE e no DOG.
Logo dos bos resultados acadados co Sistema Electrónico de Facturación (SEF), o departamento que dirixe Marta Fernández Currás saca agora este concurso público cos primeiros expedientes de contratación aos que as empresas xa poderán presentar as súas ofertas mediante procedementos de licitación electrónica.
De igual forma que xa se fixo coa Factura Electrónica, a Licitación Electrónica vaise a pór en funcionamento de forma consecutiva nas distintas consellerías da Xunta de Galicia de acordo co plan que xa está elaborado. Este sistema supón un novo paso na aposta do Goberno galego por unha Administración máis áxil, eficiente, moderna e próxima á nova realidade das empresas e dos cidadáns.
O funcionamento do SILEX principia cos cinco expedientes que xa publicou para a súa licitación o CIXTEC, o primeiro dos cales é o Servizo para o desenvolvemento dos procedementos e a realización dos traballos de actualización e valoración de certos bens correspondentes ao inventario da Comunidade Autónoma de Galicia.
Tamén se publicou para a súa licitación o Servizo consistente na análise, deseño, desenvolvemento e implantación de novas funcionalidades no sistema de información de xestión contable e orzamentaria.
Un terceiro expediente fai referencia ao Servizo consistente na análise, deseño, desenvolvemento e implantación de novas funcionalidades no sistema de información tributaria. O cuarto é o Servizo consistente na análise, deseño, desenvolvemento de novas funcionalidades no sistema de información de nómina.
O quinto refírese ao Servizo consistente na análise, deseño, desenvolvemento e implantación de novas funcionalidades no sistema de información de xestión económica financeira do persoal.


Declaracións de Marta Fernández Currás, conselleira de Facenda