Bota a andar o programa Coruña Dixital

martes, 13 de setembro do 2016 Marcus Fernández

A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, abriu o primeiro Encontro Coruña Dixital

O programa Coruña Dixital, que busca facilitar a conexión entre persoas interesadas na cultura dixital, o uso creativo da tecnoloxía e o emprendemento sustentable de proxectos innovadores, deu os seus primeiros pasos no Centro Ágora da Coruña, nunha xornada de relatorios que facilitaban a introdución á cultura dixital, a innovación social, os proxectos tecnolóxicos sociocomunitarios, os contidos dixitais colectivos, o fenómeno Maker e os proxectos abertos de programación e robótica educativa.
Deste xeito, a sesión matinal deste primeiro Encontro Coruña Dixital abriu coa intervención de todo un experto de referencia en innovación e cultura dixital, Juan Freire, en quen recaeu a responsabilidade de introducir aos presentes no novo paradigma que supón a cultura dixital na súa amplitude; seguiuno José Luís de Vicente, investigador e comisario de Sónar I+D, quen abordou as sinerxías que xorden entre científicos e tecnólogos cos artistas, realizando toda unha introdución histórica aos fenómenos artísticos apoiados na tecnoloxía, comentando numerosas manifestacións artísticas con influencia internacional.
O primeiro bloque de intervencións matinais rematou coas intervencións da artivista dixital Beka Iglesias e Fran Díaz (de Autofabricantes, un proxecto de fabricación colectiva de próteses persoais en código aberto), quen falaron dos seus proxectos de desenvolvemento colectivo, deixando clara a importancia da colaboración para a creación.
Para completar a sesións matinal do encontro realizaron consecutivamente os seus relatorios Fran Quiroga, dando conta das novas prácticas culturais e en man común; María Yáñez, dando conta dos contidos dixitais comunitarios que emerxen tanto anarquicamente como a través de iniciativas coordinadas; Chus Prol, que deu conta do peso que foi collendo en Galicia o fenómeno Maker até chegar á organización da Galicia Maker Faire; e Tucho Méndez, de Bricolabs, quen narrou a historia do proxecto de robótica educativa Escornabot.
Despois deste disparo de saída do proxecto, quedan agora numerosas iniciativas que se irán desenvolvendo durante o outono na Coruña, que abordarán ámbitos tan variados como a creación audiovisual, os datos abertos, o prototipado e o traballo en rede.

Juan Freire tivo a responsabilidade de introducir aos asistentes ao amplo concepto de cultura dixital
José Luís de Vicente fixo un repaso da historia de fenómenos culturais nacidos da súa relación coa ciencia e a tecnoloxía
María Yáñez puxo grandes exemplos de creación comunitaria en liña
Chus Prol deu conta do fenómeno Maker en Galicia
Tucho Méndez explicou a historia do proxecto Escornabot

PUBLICIDADE