Boogie Board, un revolucionario encerado electrónico
venres, 22 de xaneiro do 2010
Nun momento no
que temos a mirada posta en distintos dispositivos para a lectura de libros
electrónicos baseados en tecnoloxía E Ink, Improv Electronics sorpréndenos coa
súa Boogie Board, que
vén a ser un encerado dixital persoal, ou sexa, unha pequena pantalla LCD
reflectiva que permite a escritura na mesma mediante a presión (tanto dunha stylus coma dunha unlla) que tería
unha vida duns 50.000 ciclos de borrado e practicamente non
consumiría enerxía (integra unha pila de botón que non debería ter que
cambiarse nunca) e está
á venda nos EE.UU. por 29,97 dólares (22,07 euros) aceptándose tamén
pedidos dende España.
Este dispositivo podería ter usos prácticos destinados á docencia, evitando así
o uso doutras solucións baseadas en xiz ou en tinta, servindo tanto para facer
contas coma para debuxar, podendo borrarse todo o contido con só premer un botón.
Podemos ver a Boogie Board coma unha solución que evita o consumo excesivo de
papel, así coma un sucesor dos encerados de Velleda co que resulta imposible
luxar a roupa, polo que non sería de sorprender que moitos centros educativos
optasen por facerse de dispositivos deste tipo principalmente para pre escolar
ou os primeiros cursos de educación primaria.