Blusens presenta novos televisores eficientes enerxeticamente e con gravación de TDT

xoves, 6 de maio do 2010 Marcus Fernández

A compañía galega de electrónica de consumo Blusens introduce o concepto de ECO Efficiency para identificar unha nova gama de televisores cunha redución de consumo de ata un 50% e que consumen menos de 1 W en repouso, que comezarán a chegar ao mercado na segunda metade do mes. Estes produtos tamén contan cun empaquetado redeseñado para optimizar o seu tamaño, para minimizar o uso de materiais na súa produción, reducindo así tanto o consumo enerxético na súa fabricación coma os custos loxísticos (e, en consecuencia, provocando menores emisións de CO2 á atmosfera).
Pero ester televisores non utilizan só o factor ecolóxico coma baza para convencer a potenciais clientes, senón que tamén «inclúen prestacións avanzadas como a gravación e a reprodución multimedia» segundo declaracións de Miguel Churruca, responsable de Marketing de Blusens Global Corporation.
Dentro desta liña de televisores ecolóxicos temos en primeiro lugar o Blusens M97, que é un modelo de 19 polgadas capaz de recibir e gravar TDT de alta definición a través de USB, porto tamén empregado para a reprodución multimedia, mentres que os modelos M98 comparten prestacións en tamaños de 22, 24 e 32 polgadas.
Máis avanzados son o televisor Blusens M99 (con pantalla de 1.366 x 768 píxeles en tamaños de 19 e 22 polgadas) e M100 (con pantalla Full HD en tamaños de 22 e 24 polgadas) que gravan e reproducen contidos a través de USB á vez que tamén incorporan un reprodutor de DVD.

PUBLICIDADE