Blusens estrea unha televisión sobre IP

martes, 16 de marzo do 2010 Marcus Fernández

Nas primeiras análises realizadas sobre o Blu:brain de Blusens, destacábase o feito de que este reprodutor multimedia doméstico, con disco duro e capacidades de gravación da TDT de alta definición, puidese acceder a contidos audiovisuais da Internet, o que o fabricante galego de electrónica de consumo quere aproveitar coma buque insignia dunha plataforma audiovisual que tamén estará dispoñible no futuro noutros dispositivos da compañía coma televisores con prestacións multimedia.
Chega así Blusens Televisión, coma unha canle de televisión por Internet que ofrece contidos a través de streaming en directo e tamén en pagamento por visión, que está dirixida á pantalla do ordenador, a dispositivos multimedia e a teléfonos móbiles, que inicialmente comeza con 4 canles Premium: FX Interactive, con vídeos relativos ao catálogo de videoxogos da compañía co mesmo nome; Blusens, con novidades desta compañía galega; Nikodemo TV, coas animacións do coñecido Cálico Electrónico; e Http: 100% Tecnología, con novas sobre tecnoloxía, enfocadas principalmente á empresa.

Nikodemo TV é a canle que ofrece os episodios de Cálico Electrónico

Esta nova plataforma chega coma unha ferramenta de distribución de contidos que non está pechada ao universo de produtos de Blusens, senón que tamén pretenden que chegue a outras compañías que desexen distribuír os seus vídeos. O director de Marketing de Blusens Global Corporation, Miguel Churruca, comentou ao respecto que o obxectivo de Blusens Televisión é «medrar xunto ás novas fontes de contidos, unificando os contidos dixitais e de televisión e Internet, e aplicando novos modelos de explotación comercial».

PUBLICIDADE