Blusens estrea oficinas en Madrid

luns, 28 de setembro do 2009 Raquel Noya

Blusens Global Corporation, a multinacional tecnolóxica galega con máis proxección internacional, vén de anunciar a apertura dunha nova sede en Madrid, que vai estar situada na avenida Labradores número 1, na localidade de Tres Cantos.
A apertura desta oficina encádrase, segundo afirman os responsables da acción, “dentro da política de crecemento da compañía”, e creouse co obxectivo de atender do xeito máis directo posible a clientes, socios e rede comercial a nivel nacional, servindo ademais de sede ás divisións Blusens Interactive e Blusens Music.
A nova sede estará liderada por Miguel Churruca, director de marketing de Blusens Global Corporation, que xestionará un equipo de profesionais encargados de incrementar as vendas, imaxe e carteira de clientes e socios da compañía.
Asemade, encargaranse de xestionar a súa división Blusens Interactive e o seu selo Blusens Music, a última iniciativa da firma.
Segundo afirma José Ramón García, presidente executivo de Blusens Global Corporation, “a apertura desta oficina é outro claro exemplo da boa situación actual da compañía”. Con esta nova ubicación, apoiada pola sede central en Santiago, continúa, “conseguiremos ampliar a nosa presenza no mercado e ofrecer un servizo de maior calidade”.

PUBLICIDADE