Blukk: moreas de libros en galego-portugués ao alcance da man

martes, 2 de xuño do 2009 Fernando Sarasketa

Con isto da Rede e, sobre todo, con isto de estarmos máis na Rede, xa non hai quen poña barreiras entre os lectores e os obxectos polos que devecen. Todo semella que vai camiño de reducir ao máximo a distancia entre os nosos ollos e aquela novela ou ensaio que hai anos que xa non vemos nos andeis das librarías ou que emprestamos (e xa se sabe como son estas cousas: logo non hai quen o recupere) e desexaríamos volver ler. Neste senso, de entre todas as iniciativas xurdidas recentemente entre os fíos invisibles da nosa Rede, a páxina Blukk, referenciada en Chuza!, é unha das que máis potencial atesoura para quitarlles dos miolos ás lectoras e lectores a idea de que están sós na súa teima de comer libros e de que practicamente todo o que teñen ao seu alcance está escrito en castelán. Inicialmente dirixida ao público galego, a web Blukk, como os seus responsables contan na propia páxina, é un portal que permite acceder do xeito máis rápido e simple a millóns de libros electrónicos e obras en galego-portugués disponíveis “nas principais livrarias virtuais da Internet e bibliotecas”.
A idea, amais de axudarnos a cortar todos os vínculos que queiramos con esa lingua que algúns, malia a súa sobrepresenza, din que está en perigo de morte, o castelán, é acadar que o acto de botarlle a man a unha obra galego-portuguesa sexa o máis doado posible (e sen que nos sexa preciso empregar tempo e esforzos en atopala). O portal ten accesos directos ao Catálogo Wook (a meirande libraría portuguesa con máis de dous millóns de títulos e con posibilidade de envíos a toda Europa) ou ao Catálogo Fnac Portugal (establecemento virtual con ducias de milleiros de títulos en portugués e outras linguas). A páxina, que aínda está a comezar a súa andaina e fica coa antena de recepción de suxestións perfectamente operativa (a través da conta info@blukk.com), incorpora seccións de livrarías virtuais, libros electrónicos (e-books) e acceso directo ao catálogo das bibliotecas das Universidades de Coruña, Vigo e Santiago, a Rede de Bibliotecas de Galicia, o Porbase Portugal-Catalogo Nacional de Bibliotecas em Rede, a Biblioteca Nacional Portuguesa, The European Library ou Europeana (Biblioteca Dixital Europea).

PUBLICIDADE