Blockchain.gal desvélanos os revolucionarios avances que van experimentar as criptomoedas

xoves, 7 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

O pasado 21 de febreiro a comunidade Blockchain.gal impartiu na sede do CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia) un relatorio sobre a tecnoloxía Lightning Network, no que se trataron os problemas de adaptación e evolución (escalabilidade) de Bitcoin, as canles de pago e a propia tecnoloxía Lightning Network, incluíndo un exemplo práctico. Para aclarar boa parte do falado no encontro, Rodrigo Martínez e Luis Miguel Louzao, achegáronnos unha serie de respostas ás nosas dúbidas principais.

-Como xorde a comunidade Blockchain.gal e con que obxectivos?
-(Rodrigo Martínez) Blockchain.gal xorde a principios de 2018 coa fusión entre unha comunidade en liña e unha nova iniciativa que tiña a prioridade de organizar eventos presenciais. O resultado é unha comunidade que ten por obxectivo divulgar as tecnoloxías relacionadas coas redes distribuídas blockchain e o seu impacto na sociedade pero sen deixar de lado a parte máis técnica. Aínda que a iniciativa comeza a organizar eventos en Santiago en xaneiro do ano 2018, na actualidade tamén se organizan eventos noutras cidades galegas como Vigo ou A Coruña.

-Como definiriades a tecnoloxía blockchain?
-O blockchain non é máis que unha forma determinada de agrupar información e que funciona como unha base de datos na que só se pode engadir nova información e na que calquera alteración dun dato xa rexistrado rompería a integridade do resto. Os datos agrúpanse en estruturas denominadas bloques que se amorean de maneira secuencial. O feito de existir estas agrupacións permite chegar a un consenso sobre o estado da base de datos de forma máis sinxela nunha rede de computadores. Cada bloque contén un selo temporal e unha referencia unívoca ao bloque de datos predecesor. Deste xeito é posible percorrer a secuencia de bloques comprobando cada unha das referencias. Estas referencias son hashes criptográficos, que se representan cunha cadea alfanumérica e que, de maneira análoga á pegada dixital, permiten a identificación unívoca. Xa que o propio hash do bloque anterior forma parte do contido do seguinte, se en calquera dos bloques previos múdase calquera dato, ou mesmo a súa orde, a referencia unívoca variará rompendo a cadea de hashes.
Por blockchains adóitanse referenciar ás redes distribuídas de computadoras que a través dun protocolo consensúan o estado dunha cadea de bloques. A orixe e integridade da información garántese a través da sinatura electrónica. Aínda que as transaccións fírmanse electronicamente, a orixe das transaccións non abonda para determinar a súa validez, sobre todo se estamos falando de sistemas transaccionais como Bitcoin nos que dependendo do resto de movementos e a súa orde a transacción será aceptada ou non. Por iso é crucial o protocolo que permita consensuar de maneira distribuída o estado da cadea de bloques para conseguir que sexa practicamente imposible desfacer as escrituras.

-A miúdo adoitan ir ligados os conceptos de blockchain e Bitcoin pero o primeiro vai moito máis alá do segundo, non é así?
-Bitcoin é un protocolo que establece que información se garda e as regras de interacción e consenso da información nunha rede distribuída de computadores. As transaccións deste protocolo almacénanse nunha base de datos distribuída (blockchain) cuxo estado consensúase a través dun sistema de acordo especificado no mesmo protocolo.

-Que casos de uso e aplicación destas tecnoloxías blockchain destacariades das que se están a desenvolver en Galicia?
-Existen plataformas blockchain xerais como Ethereum que permiten almacenar software arbitrario. Unha vez almacenado, os usuarios da rede poden interactuar co mesmo coa garantía de que non poderá ser alterado. Son os chamados contratos intelixentes. Neles, por exemplo, pódese definir un libro de contas para unha nova criptomoeda, realizar a rastrexabilidade dun produto, definir unha organización autónoma que xestione diñeiro virtual de varios usuarios ou definir un rexistro privado de dereitos de autor. En Councilbox (traballo alí) almacenamos evidencias en blockchain sobre a actividade dos usuarios como a participación nunha determinada votación. Estas evidencias permiten situar no tempo as accións e unha vez rexistradas nin sequera Councilbox poderá alteralas ou eliminalas. Tamén estamos a traballar nunha innovadora plataforma para a creación de evidencias e trazas de evidencias a gran escala en redes blockchain públicas como Ethereum ou Bitcoin.

-En que consiste Lightning Network?
-(Luis Miguel Louzao) A Lightning Network é a última tecnoloxía que se está a desenvolver no ámbito das criptomoedas, neste caso, Bitcoin. Consiste nunha rede de nodos interconectada mediante unhas unións coñecidas como canles, as cales intermedian entre os devanditos nodos actualizando o saldo correspondente a cada un. Deste xeito, os nodos da rede intercambian operacións entre eles co obxectivo de procesalas sen a necesidade de empregar a blockchain a cal implica retardos (confirmacións de bloque) e altas comisións.
Lightning é coñecida por conformar unha solución de segunda capa, xa que non se emprega a blockchain pra realizar operacións, senón que calquera transferencia faise sen interaccionar con esta se non é estritamente necesario. Como consecuencia, estas transaccións non impactan no rendemento da blockchain xa que só se enviará o resultado final de todas as que transcorran por cada canle no momento do seu peche. Isto tamén soluciona os problemas actuais de escalabilidade que sofre Bitcoin en picos de carga da rede. Outras criptomoedas xa están adoptando o concepto para crear as súas propias solucións de escalabilidade como por exemplo Ethereum con Raiden Network.
Esta tecnoloxía fará mais sinxela a criptomoeda Bitcoin como medio de pago en grandes e pequenos comercios, xa que evitará as longas esperas nos pagos, permitíndonos aboar a cesta da compra ou o pan sen retardos na rede e sen comisións excesivas. Ademais, permitirá procesar ate 10.000 transaccións por segundo, segundo as estimacións, acadando así a capacidade da rede de Visa e Mastercard.

Sobre a comunidade galega
Blockchain.gal é unha comunidade que ten como obxectivo divulgar os beneficios das tecnoloxías relacionadas coas redes blockchain e o seu impacto na sociedade. A actividade visíbel da asociación comezou en xaneiro do ano pasado en Compostela, e logo estendeuse a outras cidades da nosa terra como por exemplo Vigo ou Coruña, desenvolvendo sesións técnicas e divulgativas sobre a dita tecnoloxía e as amplas posibilidades. Por contidos, os integrantes de Blockchain.gal adoitan ir alén do tecnolóxico, abordando tamén temáticas relacionadas con aspectos legais e fiscais (tendo en conta que a cadea de bloques está na orixe e no impulso das moedas virtuais).

PUBLICIDADE