Blizzard cancela o desenvolvemento de Titan tras 7 anos de traballo

martes, 23 de setembro do 2014 Marcus Fernández

Durante moitos anos o xogo masivo en liña World of Warcraft conseguiu liderar o seu xénero como título de pagamento, levando a Blizzard a conseguir unha posición de luxo no sector, e a permitirse coidar ao detalle a calidade dos seus traballos, pero tal situación acomodada non pode ser eterna, polo que levaban sete anos traballando no seu seguinte xogo masivo en liña, coñecido como Titan, que estaba a ser revisado nos últimos meses e, finalmente, dende Polygon anuncian que vén de ser cancelado.
O co fundador e director xeral da compañía, Mike Morhaime, comentou nunha entrevista non só que nunca chegaron a anunciar oficialmente Titan, recoñecendo que durante o desenvolvemento deste título non conseguiron atopar un punto no que o xogo chegase a apaixonalos, polo que o revisaron até chegar a un punto no que consideraron que non consideraban oportuno seguir adiante co seu desenvolvemento, o que non foi unha decisión doada, pero non é a primeira vez que a compañía fai algo semellante, pois en 2005 tamén cancelaron o xogo de acción StarCraft: Ghost, anunciado en 2002.
Cómpre salientar que a presión para facer de Titan un xogo magnífico era moi elevada, xa que tiñan como obxectivo tomar o relevo de World of Warcraft, éxito que ningún outro título conseguiu neste xénero, e que posiblemente non podería repetirse na conxuntura actual, onde a fórmula dos free-to-play mudou substancialmente o mercado. De todos os xeitos, dende a compañía insisten en que continuarán a dar soporte a World of Warcraft, e recoñecen que outros éxitos como Hearthstone e Heroes of the Storm tamén contribuíron a que a compañía fose distanciándose paulatinamente do desenvolvemento de Titan. En todo caso, non son poucos os que consideran que o feito de que Blizzard poida desbotar proxectos que non acadan o nivel de calidade desexado é toda unha virtude, sendo complicado que lancen algún xogo que non satisfaga aos seus millóns de seareiros.

PUBLICIDADE