Blacksad estreará videoxogo en 2019

xoves, 28 de xuño do 2018 Marcus Fernández

A célebre e galardoada banda deseñada de Canales e Guarnido, Blacksad, na que podiamos coñecer as aventuras dun detective con forma felina nuns Estados Unidos tras a II Guerra Mundial, cun claro toque de novela negra, pero destacando por dotar aos personaxes de aparencia animal, vai ter un videoxogo de seu da man de Péndulo Studios, tal e como anuncia a compañía especializada en xogos de aventuras Microïds a través de Twitter, confirmando que o xogo chegará o ano que vén a Xbox One, PS4, Nintendo Switch, PC e Mac baixo o título de Blacksad: Under The Skin.
As primeiras imaxes do título deixan ver que dende Péndulo buscan reflectir con grande fidelidade a estética da obra orixinal, e contará unha historia propia na que o detective John Blacksad recibe a chamada de Sonia Dunn despois de que o seu pai, dono dun humilde club de boxeo, aparecese aforcado. Días antes o loitador máis coñecido do club desaparecera, xusto antes dun combate do que dependía a supervivencia económica do club. Comeza así un caso que levará ao detective a moverse polos baixos fondos da New York dos anos 50.

O xogo parece querer reflectir o estilo da banda deseñada, pese a ter gráficos tridimensionais
O dective Blacksad terá que moverse polos baixos fondos de New York en Under The Skin

PUBLICIDADE