BlackBerry sorprende presentando un smartphone co seu anterior sistema operativo

martes, 13 de agosto do 2013 Marcus Fernández

Nun momento no que BlackBerry está a estudar novas posibilidades para a supervivencia da compañía, sorprende ver que estrean un novo terminal coa versión 7.1 do seu vello BlackBerry 7 OS, que chegará a Europa, Asia e América latina nas vindeiras semanas. O BlackBerry 9720 é un smartphone con teclado QWERTY, pantalla táctil de 2,8 polgadas cunha resolución de 480 x 360 píxeles, trackpad óptico, procesador a 806 MHz, 512 Mb de RAM e de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de ata 32 Gb), cámara de 5 Mpíxeles con flash, Wi-Fi N, Bluetooth 2.1, A-GPS, receptor de radio FM, batería de 1.450 mAh (que achega unha autonomía de ata 16 días en espera e 7 horas en conversa), un grosor de 12 milímetros e un peso de 120 gramos.
Venderase con carcasas en varias cores (negro, azul, rosa, púrpura e branco) e conta cun botón para facilitar o acceso a BlackBerry Messenger. Dá a impresión de que BlackBerry lanza este novo dispositivo para atender ao mercado corporativo que aínda emprega BlackBerry 7, de xeito que poida gozar de terminais actualizados mentres non dá o salto a BlackBerry 10.

O novo móbil chega cun deseño na liña dos últimos BlackBerry Curve


Vídeo de presentación do BlackBerry 9720

PUBLICIDADE