BlackBerry presenta un novo smartphone baseado en Android

martes, 26 de xullo do 2016 Marcus Fernández

BlackBerry continúa a lanzar novos smartphones baseados en Android, pero en vez da BlackBerry Priv (terminal cun prezo desorbitado, que non gozou do favor do mercado) optan agora por personalizar o software do Alcatel Idol 4 e presentalo como o novo DTEK50, que cos seus 7,2 milímetros de grosor presume de ser o smartphone de BlackBerry máis delgado até o momento, e que xa pode reservarse dende España a un prezo de 339 euros, chegando aos consumidores nun par de semanas.
Co DTEK50 buscan ofrecer o mellor de Android 6.0 (como o seu inmenso catálogo de aplicacións) combinado coa seguridade propia de BlackBerry, destacando dende BlackBerry que lle engadiron un botón para acceder ás aplicacións e tarefas máis frecuentes, os widgets poden verse de xeito emerxente na pantalla de inicio, integra un buscador para localizar ficheiros e aplicacións axilmente, fai uso de accións instantáneas (para poder efectuar rapidamente chamadas, envíos de correos electrónicos, consultar rutas...) e tamén achega control por xestos.
Pero o punto forte do Android personalizado por BlackBerry é a súa seguridade, que chega de xeito predeterminado, de xeito que resultará moi complicado que se poida colar no dispositivo algún malware, recibirá parches de seguridade frecuentes e achegará un grande control da privacidade.
A nivel de hardware o BlackBerry DTEK50 vén a ser un smartphone con pantalla Full HD de 5,2 polgadas, procesador Qualcomm Snapdragon 617 de oito núcleos e 64 bits, 3 GB de RAM, 16 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de memoria de até 2 TB), cámaras de 13 e 8 Mpíxeles, 4G, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.2, NFC, batería de 2.610 mAh con carga rápida (que promete unha autonomía de uso mixto de 17 horas) e 135 gramos de peso, que de lanzamento entregarase cunha batería externa de 12.600 mAh a xeito de cargador (que pode cargar dous trebellos á vez).
Actualmente ese dispositivo sen a personalización de BlackBerry pode adquirise por uns 300 euros, pero dado que o DTEK50 inclúe a mencionada batería externa, e chega cun compromiso de actualizacións do seu software pode resultar unha compra bastante atractiva para quen queira un smartphone con Android de gama media.

Vídeo de presentación do BlackBerry DTEK50

PUBLICIDADE