BlackBerry presenta o seu terceiro smartphone con Android

martes, 25 de outubro do 2016 Marcus Fernández

Pese a deixar claro que BlackBerry xa non se encarga de fabricar os smartphones coa súa marca, senón que deixa tal tarefa a Alcatel, a compañía canadense continua a ampliar o seu catálogo de teléfonos con Android, e así agora fai oficial o DTEK60, un novo smartphone centrado na seguridade, buscando así ser ideal para o seu uso por empresas e organizacións que queren manter a súa información segura dende o primeiro momento.
BlackBerry xa presentou nos pasados meses o PRIV e o DTEK50, e co novo dispositivo continúa a avanzar na mesma liña, incorporando desta volta un lector de pegadas dixitais, ante a comodidade deste tipo de tecnoloxía para o desbloqueo do dispositivo.
O novo smartphone de BlackBerry xa está dispoñible na tenda en liña da compañía a un prezo de 579 euros. Conta cunha pantalla AMOLED Quad HD de 5,5 polgadas, procesador Qualcomm Snapdragon 820, 4 GB de RAM, 32 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de memoria de até 2 TB), cámaras de 21 e 8 Mpíxeles, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.2, NFC, batería de 3.000 mAh con Quick Charge 3.0, Android 6.0, un grosor de 6,99 milímetros e un peso de 165 gramos. En definitiva, unhas prestacións bastante estándar entre os dispositivos desta gama, aínda que a un prezo superior que só pode xustificarse pola plataforma de BlackBerry composta por toda unha serie de aplicacións que achegan tanto unha maior seguridade como distintos elementos para a mellora da produtividade (como a aplicación BlackBerry Hub que consolida as comunicacións nunha única bandexa de entrada).

O DTEK60 súmase ao DTEK50 e ao PRIV

PUBLICIDADE