BlackBerry presenta novos smartphones na India

xoves, 2 de agosto do 2018 Marcus Fernández

Sen facer moito rebumbio presentáronse na India os smartphones BlackBerry Evolve e BlackBerry Evolve X, móbiles da marca BlackBerry que foxen dos teclados físicos para adoptar un formato propio das tendencias actuais, ou sexa, que adopta as cada vez máis presentes pantallas con relación de aspecto 18:9 e cámara traseira dual, de xeito que a diferenciación fronte a outros terminais no mercado limítase ao software (pois BlackBerry presume de vender terminais de grande seguridade).
Estes novos móbiles chegan cunha pantalla FullHD+ de 5,99 polgadas, cámara traseira dual de 13 + 13 Mpíxeles, cámara frontal de 16 Mpíxeles, lector de pegadas dixitais, dobre SIM, batería de 4.000 mAh con carga rápida e sistema operativo Android 8.1, que na súa versión básica chega cun procesador Qualcomm Snapdragon 450, 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento, a un prezo de 24.990 rupias (313 euros); mentres que o Evolve X sería a súa versión Premium, cun procesador Qualcomm Snapdragon 660, 6 GB de RAM e 64 GB de almacenamento e carga sen fíos por 34.990 rupias (439 euros). Venderanse inicialmente en exclusiva a través de Amazon a partires de finais deste mesmo mes.

PUBLICIDADE