BlackBerry Passport chega ao mercado cunha rechamante pantalla cadrada

mércores, 24 de setembro do 2014 Marcus Fernández

BlackBerry está a dar conta hoxe do lanzamento do seu novo smartphone, o BlackBerry Passport, que chegará inicialmente a EE.UU., Reino Unido, Canadá, Francia e Alemaña a un prezo oficial de 649 euros, e que está previsot que chegue a España antes de rematar o ano, aínda que a súa aceptación non parece que vaia a ser a táboa de salvación do seu fabricante, xa que o seu prezo parece excesivo e, se atendemos ás primeiras análises da prensa especializada, o seu deseño é desastroso, conseguindo que o terminal teña unha aparencia demasiado rara e a que debería ser a súa principal virtude (o teclado físico) non responda axeitadamente, precisando sempre de dúas mans para poder escribir.
O primeiro detalle rechamante do BlackBerry Passport é que adopta unha pantalla táctil cadrada de 4,5 polgadas cunha resolución de 1.440 x 1.400 píxeles, que aínda que é de grande calidade (ten unha definición de 453 puntos por polgada) resulta demasiado rara pola súa relación de aspecto.
Este dispositivo que funciona con BlackBerry 10.3 tamén pode presumir dunha elevada autonomía (que cos seus 3.450 mAh podería aguantar até unhas 30 horas de uso medio), unha potencial destacable (grazas ao seu procesador Qualcomm Snapdragon 800 de catro núcleos a 2,2 GHz, gráfica Adreno 330 e 3 Gb de RAM), boa capacidade de almacenamento (32 Gb internos ampliables mediante tarxetas de até 128 Gb), cámara traseira de 13 Mpíxeles con estabilización óptica de imaxe e gravación de vídeo Full HD a 60 imaxes por segundo, cámara dianteira de 2 Mpíxeles con gravación de vídeo a 720p, conectividade LTE, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0 e NFC, receptor de radio FM, un grosor de 9,3 milímetros e un peso de 196 gramos, ou sexa, unhas especificacións suficientes para permitirlle competir cos smartphones de alta gama actuais, pero que, ao adoptar un factor de forma demasiado incómodo (o seu ancho é de 90,3 milímetros, superando amplamente os 77,8 milímetros dun auténtico xigante como é o iPhone 6 Plus) parece destinado a fracasar como vén a ser a liña habitual de BlackBery nos últimos anos.
Curiosamente o software de BlackBerry continúa a progresar e a achegar boas solucións para a empresa, así como soluciona a súa inicial carencia de aplicacións permitindo gozar de apps para Android, polo que dá a impresión de que este tipo de produtos non vai fracasar por estar mal desenvolvido, senón por chegar demasiado tarde ao mercado, cando as grandes fortalezas dos produtos de BlackBerry xa non son un elemento diferencial, e dispositivos doutras compañías poden incluso superalos cun custos de adquisición moi inferiores.


Vídeo promocional do BlackBerry Passport

PUBLICIDADE