Bing integra un creador de imaxes mediante intelixencia artificial

martes, 21 de marzo do 2023 Marcus Fernández

Despois da integración da tecnoloxía de ChatGPT a Bing e ao Microsoft Edge, mellorando considerablemente o buscador e o navegador web e disparando o seu nivel de uso, Microsoft vai un paso máis alá e incorpora agora tamén Bing Image Creator, unha intelixencia artificial xenerativa de creación de imaxes baseado en DALL·E, polo que permite a creación de imaxes a partir dunha descrición de texto.
Este creador de imaxes mediante intelixencia artificial está integrado no propio chat de Bing para os usuarios que estaban admitidos na súa versión preliminar (en inglés), mentres que o resto de usuarios poden acceder directamente ao Bing Image Creator para así poder probar este sistema en vivo, como un adianto da maior integración que terá esta tecnoloxía.
Resulta bastante rechamante que este anuncio de Microsoft chegue o mesmo día no que Google abre as probas de Bard, deixando en evidencia unha vez máis o retraso que a compañía de Mountain View acumula neste ámbito.

PUBLICIDADE