Billy Corgan aparecerá no Guitar Hero World Tour

martes, 2 de setembro do 2008 Marcus Fernández

Activision anunciou que entre os temas que se poderán adquirir para a súa descarga no xogo Guitar Hero World Tour estará o novo sinxelo dos Smashing Pumpkins, G.L.O.W., dentro dun paquete de descargas que tamén incluirá os temas 1979 e The Everlasting Gaze.
A incorporación destes temas musicais ao xogo que vai comezar a venderse a finais de outubro non sería unha nova relevante se non viñese acompañado polo anuncio de que o cantante, compositor e guitarrista dos Smashing Pumpkins, Billy Corgan, tamén estará dispoñible coma personaxe xogable no novo Guitar Hero, o que confirmaría os rumores de que o número de personaxes a utilizar sería moi amplo, permitindo ao xogador encargar a famosos coma Sting, Ozzy Osbourne ou Jimi Hendrix.
A participación de Corgan no Guitar Hero World Tour xa parecía ser importante dende que se filtrou á web unha fotografía na que se vía ao artista enfundado nun traxe especial para rexistrar os seus movementos tridimensionalmentem, e agora incluso podemos ver a Corgan nun vídeo no que comenta a súa intervención no xogo musical de referencia nas consolas de videoxogos:

PUBLICIDADE