Bill Gates afirma que o proxecto Natal tamén chegará ao PC

mércores, 15 de xullo do 2009 Marcus Fernández

Nunha entrevista para CNET, Bill Gates falou sobre o anuncio que revolucionou a pasada feira E3, o proxecto Natal, un sistema que combina unha cámara con detección de movementos e recoñecemento de imaxes e voz, que pretende ser o futuro dos videoxogos, pero que o fundador de Microsoft ve como algo máis, asegurando que podería empregarse coma interface de usuario para o PC, podendo ser realmente atractiva para o control multimedia ou para funcións de comunicación.
Gates asegura que tanto a xente de Xbox como a de Windows están a traballar en Natal, e as súas posibilidades para usos no escritorio «son moi excitantes». Todo parece indicar que a revolución que achegou o iPhone coa súa pantalla táctil podería trasladarse ao PC dun xeito aínda máis innovador, xa que os xestos do usuario para o control carecerán de contacto, recoñecéndose os movementos dun xeito máis completo.