Bethesda xa forma parte de Xbox

martes, 9 de marzo do 2021 Marcus Fernández

O pasado mes de setembro Microsoft anunciou a súa intención de adquirir ZeniMax Media, compañía propietaria do estudio de videoxogos Bethesda Softworks, por 7.500 millóns de dólares, e tras non atopar oposición por parte dos organismos reguladores de distintos países puideron consolidar a operación e xa podemos dicir que Bethesda forma parte do equipo de Xbox.
Aínda que Bethesda é o estudio máis coñecido de ZeniMax, non é o único, sendo tamén bastante relevantes id Software e Arkane, aos que acompañan tamén ZeniMax Online Studios, MachineGames, Tango Gameworks, Alpha Dog e Roundhouse Studios, de xeito que os estudios de videoxogos de Xbox están a medrar considerablemente, converténdose nunha grande potencia que terá moito que dicir no futuro dos videoxogos.
Nos vindeiros meses poderemos ver como Microsoft respecta exclusividades acordadas antes da operación de compra, ou sexa, que aínda quedan títulos que serán exclusivos para consolas PlayStation, pero no futuro Bethesda e o resto de estudios desenvolverán xogos que serán exclusivos para Xbox e PC, o que servirá tamén para potenciar o xogo na nube e as subscricións ao Game Pass, encaixando perfectamente coa estratexia da compañía de Redmond que está a encararse co mercado dun xeito moi diferente a como fai Sony coa súa PlayStation 5.

PUBLICIDADE