Bethesda confirma que está a traballar en Fallout 4

mércores, 3 de xuño do 2015 Marcus Fernández

Bethesda puxo fin hoxe a unha conta atrás que tiña nunha das súas páxinas web, anunciando así o que parece que vai ser o seu xogo máis ambicioso, Fallout 4, que iniciará unha nova xeración de xogos de mundo aberto, e do que dará máis detalles o vindeiro 14 de xuño no marco da feira E3 nunha presentación que retransmitirán a todo o mundo a través de streaming.
O novo xogo está a desenvolverse por Bethesda Game Studios en versións para Xbox One, PlayStation 4 e PC baixo a dirección de Todd Howard, que será o encargado de continuar un xogo tan impactante como Fallout 3 (considerado por moitos medios como o mellor xogo de 2008) e manter o nivel de calidade doutro título do seu estudio, The Elder Scrolls V: Skyrim (considerado tamén por moitos medios como o mellor xogo de 2011), o que supón unha grande responsabilidade, aínda que os incondicionais do estudio esperan que Fallout 4 poida converterse no mellor xogo do seu xénero en canto vexa a luz.

Fallout 4 recuperará os elementos estéticos que fixeron destacar a Fallout 3 en 2008.


Mentres non chega o día 14 podemos conformarnos con ver o primeiro vídeo promocional deste prometedor xogo:

PUBLICIDADE