Betabeers Galicia volve á Coruña o vindeiro 13 de febreiro

xoves, 6 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

Imaxe dunha edición anterior de Betabeers Galicia nas instalacións de WeKCo

O xoves 13 de febreiro ás 20:00 horas as oficinas de WeKCo na Avida. Novo Mesoiro da Coruña acollerán o X Betabeers Galicia, evento no que se xuntan durante hora e media desenvolvedores de aplicacións móbiles e web para compartir coñecementos a través de relatorios e relacionarse posteriormente nun local de hostalaría próximo para facer networking (de aí o sufixo –beers deste tipo de encontros).
Nesta edición coruñesa teremos ao analista/programador Luigi Pirelli como relator principal, quen impartirá unha charla técnica titulada Pegando con python, HTML5 en C++: QGIS y Geosisma, no que amosaranse as decisións proxectuais no desenvolvemento do engadido Ge.O.Si.S.Ma para QGIS, labor que Pirelli desenvolveu en PyQt4 aproveitando WebKit, conseguindo facer operar fóra de liña unha webapp para avaliar a nivel catastral os danos por terremotos.
A parte formal completarase coa presentación dun par de proxectos:
· Apploud, unha aplicación para iOS e Android na que hai que axitar o smartphone para amosar o apoio a un candidato, medindo a enerxía cinética para saber cal é o máis aclamado. A aplicación desenvolvida por Appeiros será presentada por Fernando Souto e Ovidio Manteiga.
· Parallware, un produto de Appentra, spin-off tecnolóxica da UDC, que permite acelerar de xeito automático os cálculos de aplicacións de computación de alto rendemento (HPC) de simulación. Esta solución tecnolóxica será presentada por Manuel Arenaz, fundador de Appentra.
Tras o encontro nas oficinas de WeKCo, os asistentes trasladaranse á cervexaría Garota, a uns 200 metros na mesma beirarrúa, para relacionarse e compartir experiencias sobre o desenvolvemento de aplicacións.

PUBLICIDADE