Besteiro loa o traballo tecnolóxico do CiTIUS a prol do galego

venres, 16 de maio do 2025 S. P.

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, visitou esta mañá a sede do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), na compaña da deputada de cultura, Silvia Longueira; o secretario de Acción Territorial e Formación do PSdeG, Aitor Bouza, e o secretario de Innovación, IA e Transformación Dixital, Francisco Cardama.
Fíxoo con motivo da celebración, este sábado, do Día das Letras, e para coñecer de primeira man as importantes iniciativas que o centro, dependente da USC, leva a cabo no eido da tecnoloxía da lingua. “Proxectos coma os que se están desenvolvendo aquí pola nosa fala son fundamentais e hoxe tamén se están mantendo co impulso de axudas do Estado”, explicou, engadindo que “nun momento no que o uso do idioma propio de Galicia está no seu punto máis baixo da historia, cómpre fomentalo especialmente entre a mocidade, xusto o sector da poboación no que menos se emprega”. Na súa opinión, é precisamente “na dixitalidade é onde a xente nova o vai usar e o vai compartir”.
Desde o CiTIUS, ao que cualificou de “referencia non só en Galicia, senón en España e Europa”, reivindicou a defensa do galego ante o “déficit de falantes e de protección”, e instou a facela “con orgullo desde a propia Administración”.
“A Xunta debe ampliar a súa estratexia para desenvolver a utilización do galego desde o marco da tecnoloxía e do futuro”, subliñou como clave para recuperar falantes especialmente entre a xente máis nova.
Besteiro insistiu en esixirlle ao Goberno galego “e ao Partido Popular, que o sostén”, unha estratexia “clara”, como teñen as comunidades autónomas de Cataluña e Euskadi, “para impulsar a incorporación do noso idioma a ese futuro que xa é realidade hoxe”. Advertiu da urxencia de facelo á vista dos datos do propio Instituto Galego de Estatística e do “pouco impulso” que se lle está dando á lingua “por parte de quen teñen a obriga e a responsabilidade”.