Berrogüetto lanza de balde na Rede o adianto do seu novo disco
venres, 27 de novembro do 2009
Non é preciso irse lonxe da nosa terra para dar conta de iniciativas de promoción musical que non xurdan dende o comezo condenando e criminalizando o intercambio libre de cancións en Internet. Desta volta toca falar dun grupo que nos toca ben de preto e un dos que máis ten feito polo espallamento da nosa música, ben lonxe do modelo que por desgraza semella querer impoñerse: o modelo de souvenir de turistas. Estamos falar de Berrogüetto, que co seu novo álbum Kosmogonías lánzase a tirar partido da Internet como un espazo idóneo para estar en contacto cos seus seareiros e darse a coñecer aos vindeiros afeccionados.
Segundo contan medios como Vieiros ou Xornal (que inclúe unha interesante entrevista con Xabier Díaz), Berrogüetto vén de estrear este xoves na Rede o primeiro tema tirado do seu quinto disco, a canción Danza de Meirol, que se pode descargar de balde dende a páxina de R.
Sobre esta aposta pola Rede como canle de promoción (lonxe do punto de vista de certas sociedades de xestión de dereitos, que só ven nela unha escusa para o roubo), o grupo está a amosarse positivo: “Somos os propietarios da música, pero este xesto aumenta as expectativas da xente para que veñan logo aos concertos”.
O tema presentado, adianto do novo traballo de Berrogüetto (que se prevé publicar en 2010), incorpora como novidade a voz do devandito Xabier Díaz, nova fichaxe da agrupación dende a despedida hai case dous anos de Guadi Galego. Dende o punto de vista temático, a devandita canción é unha homenaxe á tradición musical galega, froito das investigacións da banda ao longo e ancho da nosa xeografía, sobre todo procurando o miolo da lírica tradicional.
Cómpre engadir que este domingo ao mediodía, a agrupación organizará un pequeno concerto na feira AchegArte da Coruña.