Bernardo Viqueira mostra este xoves 25 como defendernos do mal uso da tecnoloxía

martes, 23 de febreiro do 2021 S. P.

AFundación TV emite en directo este xoves 25 de febreiro, a partir das 19.00 horas, a conferencia Protexéndonos, protexéndoos impartida polo hacker e experto en ciberseguridade Bernardo Viqueira. A charla, tras a que os espectadores poderán formular preguntas a través do chat, abordará os métodos actuais nos ataques cibernéticos e cales son os comportamentos dos usuarios que os facilitan. Así mesmo, tamén se tratarán as boas prácticas cos usuarios menores, explicando cales son os principais riscos segundo a súa idade e como se lles pode protexer. O acceso é libre e gratuíto e pódese formalizar xa a través da web de AFundación.
Bernardo Viqueira é enxeñeiro de Telecomunicacións, con diversos mestrados e certificacións na área da ciberseguridade, sendo a súa gran especializade o ámbito do hacking. Grazas a esta vocación, ten traballando reportando fallos de seguridade a empresas sobranceiras como Deezer, Starbucks e Yahoo; colaborado con organismos gobernamentais. Ademais, participa asiduamente en programas de radio e televisión.
Consultor de seguridade en activo, Viqueira está hoxe á fronte da marca Brain.
A conferencia enmárcase no novo programa de Saúde dixital de AFundación e compleméntase cun total de oito microsesións formativas, que se emiten todos os mércores e venres do mes de febreiro nas que Bernardo Viqueira ofrece unha visión realista do mundo dixital e axuda ao usuario a xestionar mellor os sistemas informáticos. Nas súas sesións abórdanse as claves para mercar en liña modo seguro, a privacidade e as redes sociais, como protexernos en cinco fases, os menores en Internet ou como configurar un ambiente seguro en casa, entre outros.

PUBLICIDADE