Beniu, firma pioneira en agricultura de precisión con drons, galardoada nos I Premios á Innovación Pont-Up Store
venres, 9 de maio do 2025
Os Premios á Innovación, que por primeira vez organiza a Asociación Pont-Up Store para recoñecer o talento innovador entre as súas empresas asociadas, foron entregados este venres 9 de maio pola tarde na sala multiusos do Teatro Principal de Pontevedra. Resultou ser o colofón a unha xornada na que a entidade celebrou a súa asemblea xeral anual. A subdirectora xeral de Innovación Empresarial da Xunta, Patricia López Quintiá, participou no evento onde impartiu unha conferencia inspiradora para os pequenos emprendementos galegos baixo o título Innovar máis aló da tecnoloxía.
A empresa Beniu Soluciones, con base en Ponteareas, foi galardoada co primeiro premio polas súas solucións avanzadas en agricultura de precisión, explotacións forestais e medio ambiente empregando drons e tecnoloxía de vangarda para ofrecer servizos de vixilancia, análises de ecosistemas, cartografía detallada e tratamentos fitosanitarios con vehículos aéreos non tripultados e especializados para liberar insectos beneficiosos que combaten pragas agrícolas reducindo a necesidade de usar pesticidas químicos.
O segundo premio foi para a primeira gama de iogures e xeados de Europa sen graxa e sen lactosa, elaborada para mellorar o benestar das mascotas pola empresa de Poio Dairypet, mentres o terceiro recaeu na firma Blue Silk que acaba de sacar ao mercado a primeira liña de cosmética termal para animais formulada a partir das augas medicinais do manancial da localidade balnearia ourensá de Baños de Molgas.
Os tres emprendementos foron recoñecidos polo “seu alto grao de innovación” entre as 18 candidaturas recibidas por un xurado que entregou tamén mencións de honra á marca pontevedresa especializada en calzado vegano, Beflamboyant; a gastronomía coa que Vanetta Food reinventa desde Nigrán os pratos típicos galegos a partir de materias primas exclusivamente vexetais; e a proposta de Luxsit, outra empresa que usa drons, neste caso para crear espectáculos de luz con hélices silenciosas e materiais reciclados como substituto dos perigosos e nada ecolóxicos fogos artificiais.
Por último, recolleron recoñecementos especiais SomosOcéano, polas súas coleccións limitadas de calcetíns que contan historias; A Castrexa, pola súa bebida gasificada natural, baixa en xofre e con ingredientes ecolóxicos km0 e TICgal, pola aplicación creada con software libre para xestionar incidencias e inventarios.
Os galardóns foron entregados por representantes das principais institucións implicadas na asociación. Por parte do Concello de Pontevedra, o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Economía e Políticas de Emprego, Anabel Gulías. En representación da Xunta de Galicia participaron a subdirectora xeral de Innovación Empresarial, Patricia López Quintiá, e o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández. O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, fixo entrega por parte da administración provincial, e tamén participaron responsables de Caixa Rural Galega, AEMPE, Foro de Empresas Pontevedra, Cámara de Comercio, APE e AJE.
Na súa conferencia, a subdirectora xeral de Innovación Empresarial da Xunta de Galicia, Patricia López Quintiá, asegurou que “non é necesario ser unha gran empresa para emprender un proceso innovador” e puxo o foco na necesidade de descubrir o potencial de innovación das pemes e as microempresas que non se limita “como frecuentemente se pensa, á innovación tecnolóxica, senón que tamén existe a innovación de produto ou de servizo; a innovación nos procesos para lograr que sexan máis eficientes e competitivos; a innovación na comercialización -especialmente importante no comercio electrónico- e a innovación social para dar resposta aos desafíos das comunidades e territorios con solucións que teñen como obxectivo a transformación social”.
A Asociación Pont-Up Store para o Emprendemento e Innovación confirmou no último ano a adhesión de 30 novos emprendementos, o que supón un crecemento de máis do 16% e un total de 217 empresas asociadas das catro provincias galegas e con representación tamén en Barcelona, Madrid e Lisboa.
Dende 2024 a asociación dirixe e organiza o Encontro de Emprendemento Pont-Up Store, que este ano celebrarase o 19 e 20 de setembro.