Beat Saber estrea o seu primeiro lote de cancións de rock

martes, 13 de decembro do 2022 Marcus Fernández

O xogo musical para cascos de realidade virtual Beat Saber baséase en pezas musicais de distintos xéneros, tendendo habitualmente á música electrónica e pop nos seus estilos máis rítmicos e bailables, de aí que sexa unha sorpresa para moitos que estreen o seu primeiro lote de cancións de rock no chamado Beat Saber Rock Mixtape.
Falamos dun conxunto de 8 cancións que promocionalmente poden adquirirse por 9,17 euros, aínda que tamén é posible mercar os temas a razón de 1,99 euros cada un. Os temas escollidos para a estrea roqueira de Beat Saber son Born To Be Wild de Steppenwolf, Eye of the Tiger de Suvivor, Free Bird de Lynyrd Skynyrd, I Was Made For Lovin’ You de KISS, Seven Nation Army de The White Stripes, Smell Like Teen Spirit de Nirvana, Sweet Child O’ Mine de Guns N’ Roses e The Pretender de Foo Fighters.
Destaca o feito de que algunha das cancións escolleuse para ofrecer unha experiencia de xogo peculiar: Seven Nation Army ten unha grande presenza de efectos de luz e cor lembrando o vídeo musical da canción, Eye of the Tiger obriga a esquivar moitos obstáculos (dando a impresión de que estamos ante unha fase de fitness, o que encaixa moi ben coa imaxe que temos do tema musical asociado ás películas de Rocky) e, no caso de Free Bird estariamos practicamente ante unha maratón (xa que a canción dura preto de 9 minutos, converténdose no tema máis longo de Beat Saber con máis de 3 mil notas).

Tráiler de Beat Saber Rock Mixtape