Bayonetta e Vanquish estrean versión remasterizada

martes, 18 de febreiro do 2020 Marcus Fernández

A celebración do 10º aniversario dos xogos Bayonetta e Vanquish serviu como desculpa para estrear as súas remasterizacións para PlayStation 4 e Xbox One, podendo adquirirse estes xogos por separado a un prezo de 24,99 euros ou nun lote por 39,99 euros.
Estes xogos de PlatinumGames chegan con gráficos remasterizados, podendo alcanzar gráficos 4K a 60 fotogramas por segundo en PS4 Pro e Xbox One X, polo que estamos ante un dos mellores xeitos de achegarse a estes títulos, que no caso de Bayonetta trátase dun clásico moderno que deu pé a unha franquía, mentres que no caso de Vanquish temos un xogo de acción frenético, que pese a recibir boas críticas, non conseguiu callar dabondo como para converterse nunha saga con entregas posteriores.
O lote con ambos xogos non só pode adquirirse en dixital, senón que tamén comercialízase en soporte físico, nunha edición que inclúe unha caixa metálica e podería ter bastante éxito entre os coleccionitas que admiran o catálogo de xogos de PlatinumGames. Os xogadores de PC terán que conformarse con contar só cunha edición descargable de Vanquish ou de Bayonetta, dispoñible por 19,99 euros cada unha, e que promete gráficos de alta definición en unha taxa de fotogramas desbloqueada.

PUBLICIDADE