Bayonetta 2 está a ter un lanzamento desastroso no Xapón

xoves, 25 de setembro do 2014 Marcus Fernández

O xogo Bayonetta converteuse nun título de culto pese a non rexistrar unhas vendas espectaculares, e dende Nintendo consideraron oportuno atar ao estudio Platinum Games para que a súa secuela fose exclusiva para Wii U, de xeito que suporía un bo reclamo para a súa consola doméstica, pero a xogada non parece estar a saír ben se atendemos ás vendas xaponesas, xa que as estimacións da primeira semana á venda sitúan o número de unidades vendidas en só 28.825, dando a impresión de que limitar o número de plataformas nas que se edita un xogo deste tipo non é a mellor idea do mundo (a primeira entrega do xogo, lanzada para Xbox 360 e PlayStation 3 vendeu unhas 200.000 unidades na súa primeira semana).
Para pór estas vendas en perspectiva podemos comentar que na mesma semana Super Smash Bros. para Nintendo 3DS vendeu 307.480 copias acumulando 1.256.015 unidades vendidas dende o seu lanzamento, deixando claro que os resultados do xogo de Wii U están moi lonxe de ser un grande éxito, aínda que si está moi por enriba do segundo xogo máis vendido para esa plataforma, Mario Kart 8, que na última semana só vendeu 6.022 unidades (aínda que cómpre lembrar que é un xogo con bastantes meses ás súas costas.
Aínda que cando chegue o 24 de outubro ás tendas españolas é de agardar que o comportamento de Bayonetta 2 non sexa tan malo como no Xapón, non parece que vaia ser o supervendas do outono, tendo que deixar tal honra a Hyrule Warriors, produción que pese a ser de nicho (o xénero musou nunca foi moi popular en Occidente) parece estar a ter unha boa resposta do público grazas ao pulo da marca de The Legend of Zelda.

Bayonetta 2 é un hack and slash cunha estética moi persoal, que valeulle o recoñecemento de moitos seareiros, aínda que non moitas vendas

PUBLICIDADE