Battlefield 1 xa está dispoñible para os xogadores da súa edición de luxo

martes, 18 de outubro do 2016 Marcus Fernández

Electronic Arts decidiu dar un salto temporal cara atrás na súa franquía bélica, de xeito que Battlefield 1 transporta ao xogador á Primeira Guerra Mundial, considerada como o grande conflito internacional que mudou a guerra para sempre, polo que resulta moi interesante este achegamento a un xogo que sairá á venda para consolas dentro de 3 días a un prezo de 69,99 euros, pero que a partires de hoxe ofrece unha curiosa edición de luxo por 89,99 euros que, aparte de incluír contidos adicionais, permite un acceso anticipado ao xogo.
A Battlefield 1 Early Enlister Deluxe Edition para Xbox One e para PlayStation 4 permítenos participar en épicas batallas, controlar enormes vehículos, executar manobras que poden dar un xiro ás batallas dun conflito global que tanto permitirá loitar en cidades francesas asediadas como no deserto de Arabia e que, como é habitual na franquía, conta con modos multixogador realmente notables, de grande intensidade, no que poderemos atacar a pé como infantería ou incluso liderar un asalto de cabalería.
Os xogadores que opten por facerse con edición de luxo non só non terán que agardar ao venres para xogar a Battlefield 1, senón que tamén recibirán os lotes descargables do Barón Vermello e Lawrence de Arabia (con armas, vehículos e artigos especiais), aspecto visual exclusivo de tres dos vehículos máis grandes do xogo e 5 Battlepacks con diversas combinacións de obxectos.

Battlefield 1 achéganos á Primeira Guerra Mundial

PUBLICIDADE