Battleborn pasa a ser free-to-play

xoves, 8 de xuño do 2017 Marcus Fernández

Hai un ano os creadores de Borderlands lanzaron o prometedor xogo Battleborn, shooter de heroes en primeira persoa que tivo a pouca fortuna de ter que competir con Overwatch, un dos meirandes éxitos dos últimos anos, o que dificultou a consolidación deste título de combates multixogador de 5 contra 5, que non só tivo que reducir o seu prezo a grande velocidade, senón que agora tivo que mudar o seu modelo de negocio para optar polo free-to-play, o que describen como proba de balde, aínda que realmente estamos ante un xogo que pasa a ser de balde, con elementos que poden incorporarse pagando.
Dende esta semana podemos acudir a Steam ou á tenda de Xbox para probar gratis Battleborn, mentres que os usuarios de PlayStation 4 terán que agardar ao vindeiro día 13 para poder descargar o xogo de balde. Esta versión gratuíta facilitará todos os mapas e modos de xogo competitivos de Battleborn, cunha rotación semanal de 6 dos 30 heroes (que manterán os seus progresos entre rotacións).
Ante a previsible chegada de novos xogadores durante estas semanas Battleborn contará cunha cola específica de novos xogadores, con rangos reducidos, para que poidan atopar a outros xogadores pouco experimentados aos que enfrontarse para ir progresando até acadar o rango de mando 20, cando pasarán a participar nas colas normais de xogo.
O xogo conta con numerosos elementos desbloqueables, como heroes, modelos cosméticos e provocacións, paquetes de equipo, potenciadores, misións, accesos a partidas privadas... que poderán conseguirse pagando con créditos gañados no xogo ou coa moeda virtual conseguida con cartos reais, de aí que os responsables deste título busquen que teña a maior aceptación posible, para maximizar a posibilidade de que os xogadores cheguen a facer compras dentro do xogo.
Os que teñan o xogo comprado pasan a ter o status de Fundador, o que supón recibir como recompensa equipo lendario, 1.000 unidades de platino, 50.000 créditos, paquetes de botín e moito máis.

Vídeo promocional da estrea de Battleborn como xogo free-to-play

PUBLICIDADE