Batman inspira un novo FPS multi-xogador

mércores, 18 de maio do 2011 Marcus Fernández

Warner Bros Interactive anunciou un novo xogo en liña para Xbox LIVE, PlayStation Network e PC que está a ser desenvolvido por Monolith Productions e que sorprende por estar orientado ao multixogador repartindo aos usuarios en 2 bandos: un de seguidores de Batman e outro de seareiros do Joker.
Esta idea tan ridícula parece unha broma, pero Gotham City Impostors parece ir en serio, de xeito que este xogo xa conta cunha ilustración conceptual e un logotipo, e xa se detalla que non terá nada que ver cun produto como Batman: Arkham City, senón que será un xogo de acción en primeira persoa no que empregar armas que van dende batarangs ata escopetas, polo que parece afastarse bastante do que poderiamos pensar nun título baseado na franquía do home morcego.
Cómpre destacar que estamos ante un xogo descargable que sairá á venda a finais de ano, ou sexa, que non parece que sexa unha superprodución, senón un mero título pensado para divertir e, segundo as primeiras achegas ao xogo que tiveron certos medios especializados, para botar partidas simples lonxe das grandes campañas doutros FPS.

A primeira imaxe promocional do xogo deixa claro que non é algo a tomar en serio por parte dos incondicionais de Batman

PUBLICIDADE