Batman The Telltale Series estrea tráiler

martes, 19 de xullo do 2016 Marcus Fernández

Os seareiros de Batman están ansiosos por ver o xogo episódico que está a preparar Telltale Games, que estreará o seu primeiro capítulo Realm of Shadows o vindeiro 2 de agosto (aínda que os máis pacientes poderán facerse co xogo en formato físico cos 5 primeiros episodios e o pase de tempada para os 4 episodios descargables seguintes a partires do 16 de setembro), e por fin podemos ver como será este título a través do seu primeiro tráiler, que deixa ver a mestría coa que conseguiron adaptar a banda deseñada de DC a unha aventura interactiva na que tanto Batman como Bruce Wayne terán que equilibrar os seus roles.
Batman The Telltale Series será un xogo moi diferente aos da saga Batman Arkham, xa que non estará orientado á acción, senón a narrar unha historia de corrupción na cidade de Gotham, o que previsiblemente será moi satisfactorio para os máis fieis da banda deseñada, especialmente se atendemos á magnífica conversión que dende Telltale fixeron anteriormente con Fábulas.
Como vén a ser habitual, o xogo terá versión para ordenadores persoais como referencia, pero estando tamén dispoñible para consolas Xbox 360, Xbox One, PlayStation 3 e PlayStation 4, e para dispositivos móbiles con Android e iOS, deixando claro que quere chegar á meirande parte de público posible.

Primeiro tráiler do xogo de Batman de Telltale

PUBLICIDADE